A alma humana conserva, a través dos séculos, o misterio e a maxia que desde tempos inmemoriais inspirou a poetas e artistas, e que nos permite recrear soños intensos coma a vida.
Como encadernadoras, parapetámonos na idea da arte como aleación de instinto e coñecemento. Sabemos que a práctica é esencial, pero tamén que as capacidades innatas marcan esa liña exacta que separa a encadernación da arte. Para nós, o valor do libro é duplo: dunha banda o contido —alimento necesario—, doutra o vestido —adobío imprescindible para conservalo. Aí comeza o noso traballo: unha aposta creativa e xenuína na que, desposuídos un do outro, contido e forma continúan dialogando ata fundirse nunha nova e inseparable realidade. Entre palabras e silencios dá comezo o proceso da creación.
O obradoiro, que tomou o nome do soto no que comezamos hai máis de 35 anos, é agora un espazo amplo e cheo de luz onde os libros adquiren novas lecturas. Achegámonos aos textos, interpretámolos, introducímonos neles co pudor que require esa vivisección necesaria para traballar. Conscientes de que calquera proceso creativo funciona mellor se vai acompañado de sentimento, damoslles forma, buscamos a expresión exacta que as define: volumes, relevos, incisións…
| Encadernar é construír, deseñar arquitecturas, crear naturezas.
As Penumbras: entre palabras e tempo, entre música e silencios.