A encadernación é moito máis ca un oficio: é un diálogo entre as mans, a materia e o tempo.
Cada libro que chega ao noso obradoiro trae consigo unha historia, e o noso labor é darlle forma, corpo e identidade.
Traballamos co ritmo da calma e o coidado da artesanía cosendo cada páxina a man, elixindo materiais nobres que falan por si mesmos e que garanten a conservación, creando cubertas que protexen e á vez revelan a esencia de todo o que gardan dentro. E así, cada encadernación é unha peza única, feita con atención, sensibilidade e respecto polo detalle.
A tradición e o coidado da técnica guían o noso camiño, mais a creatividade empúrranos a seguir experimentando en deseños e creacións propias. Sempre dispostas a arriscar e abrir camiños, buscamos novas texturas, xogamos co deseño e exploramos combinacións que transforman o libro nun obxecto artístico, vivo e duradeiro.
Aquí o tempo detense.
O papel, o coiro, o tecido… todo se transforma en emoción, en memoria, en arte.
Porque encadernar é tamén unha forma de contar: contar coa materia o que as palabras deixan sentir.
📸 Fotos de Pablo Prados